Marta Rouco: «As festas de Vilalba son un punto de encontro para veciños e visitantes»

A alcaldesa pon en valor a importancia das festas de San Ramón e Santa María como punto de encontro para veciños e visitantes

Marta Rouco lembra que acompañou a celebración durante anos e destaca o papel das entidades locais na organización e dinamización das actividades, que van desde concertos e verbenas ata a programación infantil, facendo da festa un evento para todos os públicos.Rouco tamén subliña o valor turístico e económico das festas para Vilalba. A alcaldesa insiste en que estas celebracións permiten dar a coñecer a vila, a súa cultura e o seu comercio local, ao mesmo tempo que fomentan a participación cidadá e consolidan as festas como unha cita tradicional e esperada no calendario da comunidade.

- Que significan para Vilalba as festas de San Ramón e Santa María?
As festas, ao final, para todos os vilalbeses e vilalbesas son unhas datas que están marcadas no noso calendario e que esperamos todos. Son esas datas nas que máis esperamos reencontrarnos con familia, amigos e con xente que, quizá, non vemos durante o resto do ano. É unha data especia nas que, ademais, todo isto é moi bo para o noso comercio e para a nosa hostalería, porque ao final non deixa de ser un revulsivo económico. Entón, bueno, é algo que, mirándoo como o mires, sempre é sinónimo de cousas positivas.

- Que novidades e actividades destacarías desta nova edición?
As festas en Vilalba, ao igual que no resto de vilas, teñen ese compoñente tradicional dos días grandes, que sempre segue máis ou menos o mesmo esquema. Pero este ano quixemos, ademais da programación tradicional, engadir algunhas actuacións importantes: temos o concerto de Carlos Baute, tamén para os que lles gusta a música máis tradicional temos a Lois e Ariboria, e tamén un concerto para os máis cativos da casa coa Uxía Lambona e a Banda Molona. Este ano repetimos con dous días de programación infantil e temos tamén programación para os máis maiores. En definitiva, temos unha programación un pouco para todos os gustos, de case tres semanas, e destacaría, a parte das orquestas e da Xira, que as novidades son os concertos de música máis tradicional con artistas de renome.

- Que supón esta festa para a promoción turística do concello?
É un revulsivo máis. Vilalba ten moitas cousas que merecen ser visitadas, pero aproveitando que son festas, moita xente vén a Vilalba e descobre cousas da vila que lles gustan e queren repetir. Neste sentido, tamén nos parece importante mostrarnos como unha vila acolledora, que é o que somos, e que, aproveitando o trampolín das festas, veñan a Vilalba, coñezan un pouco máis da vila e queiran volver.

- Para ti, cal é o momento máis especial das festas?
Non sabería escoller. Teño unha idade e nunca me perdín ningunha edición do San Ramón; segundo vas crecendo, os días especiais para min van cambiando. Cando es neno, o que máis che gusta son as barracas; cando es máis novo, son as verbenas e os concertos; e agora, coa miña idade, disfruto un pouco de toda a programación. Gústame un pouco de todo. Disfruto das actividades infantís coa miña filla, cos meus amigos dos concertos e das orquestas, e creo que non me quedaría só cun momento: disfruto do conxunto.

- Que lle dirías á xente para que veña disfrutar das festas e de Vilalba?
Vilalba ten moitas cousas polas que convidaría á xente a vir. Temos un comercio local potente, temos unha hostalería con moitos locais que descubrir, temos paisaxes estupendas… Temos moitas cousas polas que visitar Vilalba, pero agora, coas festas, convídolles a que veñan disfrutar da programación tan ampla que temos pensada para todos os públicos. Estou segura de que todos os que veñan van querer repetir.