Vilalba xa vive os seus sus días grandes de San Ramón e Santa María. Falamos coa súa alcaldesa, Marta Rouco, para que nos conte acerca desta cita que xa é unha marca na axenda anual dos vilalbeses.
Que significan para os vilalbeses estas festas?
Para todos os veciños e veciñas de Vilalba, o San Ramón e Santa María son unhas das datas máis especiais de todo o ano. Todos os vilalbeses e vilalbesas temos xa no noso calendario esas datas para reencontrarnos coa familia, cos amigos e tamén para desfrutar de todo o programa que temos das festas. Así que, aparte do compoñente emocional, son unhas datas onde a actividade económica para o comercio e a hostalería é moi potente. En resumo, é que son unhas das datas máis relevantes e máis especiais do ano para Vilalba.
Que novidades tedes nesta edición da cita?
Este ano quixemos facer un programa das festas contando con orquestras de primeiro nivel e a montaxe que traen con elas impide que se poidan celebrar na Praza da Constitución. onde se celebraban tradicionalmente. Por esa razón cambiamos a ubicación, porque as montaxes que teñen agora mesmo impiden que poidamos facer as verbenas na praza e trasladamos a verbena ao Campo da Feira, onde, ademais de darlle unha maior comodidade ás orquestras para montar, permítenos instalar unha carpa no caso de que as previsións meteorolóxicas sexan desfavorables. É unha cuestión de seguridade.
Ademais de verbena, que se vai atopar a xente que se achegue a Vilalba estes días?
Tamén haberá un tardeo e, o día de San Roque, DJ. Polo demais, o esquema das festas mantense respecto a outros anos. Temos o Día da Bicicleta, a Xira dos Maiores, a Xira Campestre, os dous días grandes das festas e , a continuación, os dous días infantís. O proximo fin de semana pecharemos os festexos co Día da Feira, que será o venres e o sábado, e o último día das festas adicámosllo as parroquias, que este ano a protagonista é Román.
Como se prepara Vilalba antes das festas?
Desde o Concello levamos moitos meses traballando neste programa. Ao final, parece como que todo sucede un pouco por arte de maxia, pero xa levamos traballando desde que finalizaron as festas do ano pasado. Primeiro preparamos o programa e, nas últimas semanas coordinando todo o dispositivo de seguridade que hai detrás e poñendo a punto os nosos espazos públicos.
Como é vivir como alcaldesa as festas da súa propia vila?
Eu levo vivindo estas festas toda a miña vida e agora teño a sorte de estar do outro lado e ter a responsabilidade de organizalas, polo que sinto moito respecto pero tamén ilusión ao ver aos demais desfrutar. Poder contribuir dalgunha forma a crear ambiente e unhas festas para que outras persoas as poidan desfrutar e, sobre todo, que o fagan tanto como eu as desfrutei xa merece a pena.
Hai algún momento destas festas polo que sinta especial debilidade?
Son unhas festas que para cada idade teñen unha programación distinta e, conforme vas cumprindo anos, vas mudando cal é o teu día especial. Cando es un neno probablemente os días infantís ou o día do patrón, porque pola tarde había moitas atraccións. E, a medida que vas cumprindo anos, a Xira Campestre, que é esta fin de semana, ten algo especial porque pasas o fin de semana na área recreativa cos amigos. Despois, cando xa vas tendo máis idade, seguramente as sesións vermú de San Ramón e Santa María. Ao final esa é a parte bonita que, conforme vas cumprindo anos, vas tendo ese momento.