José Manuel Rus, xerente de Moexmu: «Temos que apoiar o noso agro»

José Manuel Rus, xerente de Moexmu
A edición número 42 da feira de Muimenta desenvolverase esta semana

Moexmu, cita de referencia para o sector agrogandeiro en Galicia, se celebrará este fin de semana en Muimenta. José Manuel Rus, xerente da iniciativa, fai un repaso tanto da actividade que se vai rexistar como da actualidade do campo.

—En que momento chega a feira para o sector agrogandeiro na Terra Chá?
—As últimas novas que está recibindo o sector co prezo dos contratos de leite non son moi boas. Se a isto lle sumamos o incremento dos custes de produción, a situación complícase. Temos que apoiar o noso agro e a xente que aposta polo seu proxecto de vida no rural.

—Que novidades presenta esta edición de Moexmu?
—Unha das novidades é a celebración, por segunda vez na provincia de Lugo, do concurso autonómico de Gando. Xa o fixemos en 2022. Temos un programa bastante continuísta, aínda que este ano modificouse a data de celebración da poxa de gando selecto e pasará para o domingo pola mañá. Si mantemos o Monográfico de Can de Palleiro o domingo pola tarde. Ademais, durante a inauguración, o venres 10 ás sete da tarde, contaremos coa colaboración de Asorlu (Asociación de Persoas Sordas de Lugo) para ter un intérprete de lingua de signos que facilite o seguimento do acto por parte de todo o público.

—Sigue sendo o vacún de leite o eixo central de Moexmu?
—Totalmente. É a columna vertebral da Moexmu dende case os seus inicios. E seguimos apostando por el con iniciativas que foron xurdindo e consolidándose ao longo destes anos como a poxa, novos manexadores, mozos peladores…

—Hai marxe real para que as explotacións pequenas sigan sendo viables?
—É moi complicado, cada vez máis, e non só no agro. Téndese á concentración.

—Percíbese relevo xeracional ou a ausencia de relevo segue sendo o principal problema do sector?
—Na Moexmu, sobre todo despois da pandemia, vemos á xente moza máis involucrada nas explotacións. Hai que lembrar que seis mozos galegos, participantes na Moexmu, gañaron en 2024 un concurso de ámbito europeo

—Que lle trasladan os gandeiros cando falan con vostede estes días?
—O agradecidos que están co traballo que se leva a cabo por parte de organización. Seguimos coa ilusión do primeiro día, corenta anos despois.

—Hai negocio real en Moexmu ou pesa máis o encontro social e profesional?
—Unha combinación. Neste tipo de eventos, debemos ter unha mirada máis a longo prazo, aparte das vendas que se podan facer durante os días da feira. Tamén está o contacto a futuro, que é igual de importante.

—Que papel xoga a maquinaria agrícola dentro da feira?
—É outra parte fundamental da Moexmu. Intentamos dar cabida ás últimas novidades do sector.

—Que lugar ocupa hoxe Moexmu dentro do calendario feiral galego?
—Hoxe en día, é fundamental. Somos unha referencia, un dos poucos concursos que seguen adiante. Dise pronto que xa levamos corenta edicións.

—Que impacto ten a feira en Muimenta e na comarca durante o fin de semana?
—Moito; tanto no pobo, como no Concello de Cospeito e nos limítrofes. Recibimos moitas visitas que, á súa vez comen, ou abastécense na gasolineira, ou fan as súas compras tanto no recinto como no pobo.

—Estase adaptando o sector aos retos actuais: costes, sustentabilidade, benestar animal?
—É algo que temos que facer todos.

—Que pode atopar un visitante que non coñeza Moexmu?
—Concurso e exposición de gando, e todas as actividades que levan aparelladas. Tamén están as demostracións de artesáns en vivo, a artesanía, os produtos galegos de calidade... E poden visitar os dous museos que temos en Muimenta.

—Como se imaxina a feira dentro de cinco anos?
—Falamos no 2031.