Sés: «Lugo imponme respeto porque o público é marabillosamente sobrio»
O auditorio Fuxan Os Ventos será escenario o sábado 24 de xaneiro, ás oito e media da tarde, dunha actuación de Sés. A artista volve a unha cidade que lle «encanta». O concerto enmárcase na xira na que está presentando un directo no que combina música e palabra.
-Que supón para vostede actuar en Lugo?
-Actuar alí é a hostia, porque é unha cidade que me encanta. Pero téñolle un pouco de medo á xente. Encántame a idiosincrasia de Lugo, pero imponme respeto porque o público é marabillosamente sobrio. Eu vou dereitiña, pensando en facer as cosas ben e coa intención de arrincarlle emoción á xente. Sempre vou moi contenta.
-Que lle gostaría que a xente sinta no concerto?
-Ademais de que se entreteñan, de que pasen dúas horas agradables, encantaríame que acabaran reflexionando sobre algo que escoiten. A arte ten que mover e conmover, non provocar unha reacción de indiferencia.
-Que lembra dos seus inicios?
-Moita inexperiencia e ignorancia. É dicir, o normal en calquera comezo, agudizado pola condición de ser muller e que o feito de que nunca quixera ser música fíxome sentir diferente nas prioridades e obxectivos.
-A que se refire co de non querer ser música?
-Eu sempre fun tremendamente musical. Son unha nena das escolas; empecei aos cinco anos. Non é que non quixera ser música. De feito, encántame. Pero para min era como algo inalcanzable, como un soño inmaduro. Na miña casa sempre se escoitou música moi variada: culta e popular; clásica, folclórica, zarzuela, música lixeira...
-Hai inspiración literaria nas súas composicións?
-Escribir ou facer cancións non se cultiva. Hai músicos que son médicos, filósofos... Eu opino que non se aprende a facer arte. En canto á literatura, talvez o máis importante é consumila. Ser un gran lector non garante que alguén se convirta nun gran escritor.