Emerxencias en Galicia no verán: cando ocorren máis e como previlas, segundo o 112
Coa chegada do verán, o tempo de lecer multiplícase, pero tamén o fan as chamadas ao 112 Galicia. A época estival tradúcese nunha maior actividade ao aire libre, máis horas de luz e, en consecuencia, nunha subida exponencial das situacións que requiren a intervención dos servizos de emerxencias.
Segundo os datos ofrecidos polo Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia, existen dúas franxas horarias críticas ao longo dunha xornada estival: entre as 15.00 e as 16.00 horas, e entre as 19.00 e as 20.00 horas. Estas “horas punta” repítense ano tras ano e coinciden cos momentos nos que a cidadanía máis aproveita para realizar actividades deportivas, recreativas ou de lecer.
O pico das intervencións
En 2023, durante os meses de xuño, xullo e agosto, o 112 Galicia rexistrou unha media de 1.300 incidencias entre as 3 e as 4 da tarde, chegando ás 1.484 entre as 7 e as 8 da noite. No verán de 2024, a pesar de contabilizarse un número menor de emerxencias anuais (233.289), mantívose unha media diaria superior ás 1.000 e 1.200, respectivamente, nesas franxas horarias.
Esta evolución obriga a un reforzo estival das quendas e do persoal do CIAE, especialmente nas tardes e noites, cando se acumulan máis chamadas. As quendas varían segundo o día da semana: martes e mércores rexistran menor actividade, mentres que os xoves xa funcionan como antesala da fin de semana debido á intensa oferta cultural galega. Os domingos, pola contra, adoitan reflectir unha baixada no número de incidencias.
A capacidade de resposta do 112 Galicia permite, con todo, mobilizar persoal adicional en calquera momento do día ou do ano se a situación así o require.
Unha das tipoloxías de emerxencia que máis medra no verán son os rescates de persoas en situacións comprometidas. Só no ano 2024 rexistráronse 336 incidencias deste tipo, das cales un 45% tiveron lugar entre maio e agosto. A evolución das ferramentas tecnolóxicas tamén se fixo notar: o 58% destes rescates puideron resolverse grazas á achega de coordenadas GPS, fronte ao 40% de 2023 e o 16% de 2022.
No espazo marítimo tamén se detectan tendencias: en 2024 diminuíu o número de operativos, cortando así unha liña ascendente, aínda que a porcentaxe de casos nos que se dispoñía de coordenadas superou por vez primeira aos que non contaban con esa información. En total, o verán concentra case a metade destas intervencións (46%).
Un dos principais condicionantes da resposta ante as emerxencias é o binomio tempo-espazo. Moitas situacións críticas xorden nas últimas horas do día, cando aínda hai luz, pero non a suficiente para garantir a seguridade total dos equipos de intervención.
Por iso, a prevención e a autoprotección son as ferramentas máis eficaces para evitar ter que recorrer ao 112. A cidadanía pode colaborar planificando con antelación as súas actividades, coñecendo a contorna e evitando imprudencias.
Autoprotección: unha responsabilidade compartida
A planificación é fundamental: escoller actividades acordes co estado físico, coñecer o terreo, comunicar a ruta e asegurarse de ter batería e cobertura poden marcar a diferenza. En espazos acuáticos, é imprescindible adaptar o corpo á temperatura da auga para evitar choques térmicos, sobre todo nos ríos, onde a diferenza térmica entre superficie e fondo é maior.
Tamén cómpre ter coñecemento das condicións da zona (profundidade, correntes) e evitar por completo o consumo de alcohol antes de practicar actividades acuáticas. Sempre é preferible escoller praias ou piscinas con servizo de vixilancia.
As ondas de calor, xa habituais, tamén condicionan a seguridade. Realizar actividade física intensa baixo altas temperaturas pode derivar en golpes de calor ou deshidratación. Por iso, recoméndase evitar as horas centrais do día, vestir roupa lixeira e beber auga con regularidade, mesmo sen ter sede. Os colectivos máis vulnerables, como nenos e maiores, deben recibir unha atención especial neste sentido.
O verán é tempo de goce, pero tamén de responsabilidade. O sistema de emerxencias está preparado, pero a mellor emerxencia é aquela que nunca chega a producirse. A clave? Sentidiño, prevención e respecto polo medio e polas propias limitacións.