Jaime Losada, secretario xeral do PSOE de Chantada: «Chantada non se limita á vila»

Jaime Losada, con César Mogo en Pesqueiras
photo_camera Jaime Losada, con César Mogo en Pesqueiras
O dirixente socialista estima que o goberno local actúa con «deixadez» e reclama máis protagonismo para as aldeas

Jaime Losada fai balance da situación do Concello a un ano vista das eleccións. Reclama un equilibrio de actividade entre a vila e o rural e pon en valor o traballo realizado pola súa formación nos tres últimos anos.

-Percibe deixadez no goberno local a veciñanza?
-Non o sei. Temos un grupo de goberno que se preocupa do día a día da vila, entre aspas, pero Chantada non se limita á vila. Hai aldeas. O Concello funciona coa vila separada das aldeas, e as aldeas sempre saen perdendo. E a vida nun pobo tamén son as aldeas.

-Como ve Chantada a un ano das eleccións?
-Como os tres anos anteriores. Hai tres forzas políticas. A formación do goberno envía sinais de tranquilidade e pasividade. Os dous concelleiros do PSOE están atraendo investimentos da Deputación e da Confederación Hidrográfica. E os catro de Por Chantada poñen pegas, pero non constrúen moito. Tal como están as cousas, o Concello terá que ir buscando o apoio da Xunta, porque levamos tres anos de poucos investimentos.

-O PSOE parte nunha situación de dous concelleiros, cando se precisan sete para a maioría absoluta...
-Partimos con dous, coa base de que estabamos nun momento de transición do partido e o resultado non foi moi alá. Aínda non sabemos quen será o cabeza de lista, porque iso decidirano os compañeiros. Esperamos que, no caso de Chantada, se valore o traballo feito polo grupo socialista para mellorar a calidade de vida da veciñanza.

-Hai unha percepción de que hai moita iniciativa empresarial privada en Chantada...
-A iniciativa privada segue marcando o día a día. Por exemplo, Hotusa xera unha gran cantidade de empregos. A túa Xanela tamén o fai e, ademais, achega servizos no rural. A presenza das empresas é positiva, pero o Concello debería colaborar con elas. Ao final, o polígono está sen parcelas dispoñibles. Isto afecta non só ás empresas que se queiran implantar, senón tamén a aquelas que queiran medrar. Levamos este asunto ao pleno como rogo, pero todo segue moi parado. E, nesta situación, a iniciativa privada tamén ten un límite.

-Que ten que mellorar en Chantada?
-No ámbito dos servizos no rural, hai moitos lugares que aínda non teñen fibra. E iso non é por falta de iniciativa empresarial. Ademais, hai outros casos como Pesqueiras, onde se quere instalar un campo de baterías no medio dunha finca para que a Xunta teña o control e esquive o control do ministerio. E a administración autonómica atopa unha carta branca do Concello. Hai tamén infraestruturas como o campo de fútbol, no que hai un muro a dous metros da liña de banda; púxose un acolchado, pero non nos primeiros cincuenta centímetros desde o chan. É outro exemplo de deixadez. E podemos falar do pavillón, onde chove e, ás veces, os vestiarios están anegados. Aínda se gastarán máis cartos e non se arranxará o tellado, algo que nunha casa normal non ocorrería. E, como dicía, é outro exemplo de deixadez.

Comentarios