A Feira do Viño de Chantada amplía a súa oferta cunha Feira de Oportunidades con 43 postos

27
photo_camera 27

No marco da Feira do Viño de Chantada, a Feira de Oportunidades reúne 43 postos de comerciantes, artesáns e produtores, que ofrecen ao público produtos de calidade e ofertas especiais

 

Chantada volve demostrar que o comercio local está máis vivo ca nunca. A Feira de Oportunidades, organizada polo CCA Ribeira Sacra e a Asociación de Empresarios de Chantada no marco da Feira do Viño, convértese nun auténtico punto de encontro para veciños e visitantes que buscan produtos de calidade, ofertas especiais e o talento creativo da zona.

Durante a fin de semana, 43 postos de comercio, artesanía e produto local participan nesta iniciativa que combina compras, tradición e dinamización económica, nun evento que aproveita o gran tirón da Feira do Viño para achegar ao público a diversidade comercial e creativa da comarca.

A feira funciona como un gran escaparate onde os negocios poden dar saída a stocks, presentar novidades e establecer un contacto directo co público, ao tempo que os visitantes atopan produtos únicos e descontos especiais.

Entre os establecementos participantes na feira de oportunidades atópanse comercios coñecidos da vila como Calzados Doval, Jimmy, O Remate Gráfico, Dequip/Turini, Mime Clothing ou Xanela: a túa fibra, que achegan propostas de moda, calzado, complementos e servizos. A súa presenza permite ofrecer ao público ofertas especiais e produtos de tempada, convertendo a feira nunha ocasión perfecta para apoiar o comercio de proximidade.

 

 

 

Outro dos grandes atractivos da feira é a ampla presenza de artesáns e creadores, que achegan pezas únicas elaboradas con diferentes técnicas e materiais. Entre eles destacan propostas como Ambarai Studio (bisutería botánica), Antonio Pedrouzo (bisutería en prata), Arte en Arena y + (artesanía en area), Artesanía Sabela (xoias inspiradas na pandeireta), Chueco (traballos en coiro) ou Dorahada, especializada en xoguetes de madeira. Tamén participan El Rincón de Juliet, con xoias de arxila e aceiro; Imprime 3D, con creacións realizadas con impresión tridimensional; La Puertita Mágica, con produtos decorativos en tea e madeira; Malas Herbas, con elementos naturais encapsulados en resina; ou Moura, con traxes tradicionais e fundas para instrumentos.

A oferta complétase con propostas como O Pereiro (artesanía en madeira), Pase lo que pase (xoiería contemporánea), Recuncho de cucadas (artesanía en coiro), Silver Crystal (cristal Swarovski), SJ Artesanía (figuras de personaxes), Vera Cuchillería (coitelos e navallas), Viodivinity (bisutería en pedra e aceiro) ou Xabi Coiro e Metal, dedicado á marroquinería e xoiería.

A feira tamén conta cun espazo dedicado á moda e aos complementos, onde participan marcas e proxectos creativos como Barro&Co., Das miñas mans, Jerolas, Hypatia, La mosquita muerta, T3ntacion3s ou Vacatola, que apostan polo deseño propio, os tecidos artesáns e a produción a pequena escala.

A gastronomía tamén ten un papel destacado nesta feira, cun espazo dedicado ao produto alimentario artesanal e gourmet. Entre os produtores participantes están Embutidos Suarna, Finca Casa Barbeiro, Landra, Mel Aialma, Quesos Artesanos, Rural o urbano, Sacrapastas, Tres Fuciños ou Xianas, que ofrecen desde embutidos e queixos ata mel, galletas artesás ou produtos gourmet.

A feira reserva tamén un lugar para o lecer, con propostas como Grandline, con figuras de anime; PlayMorey, centrado no coleccionismo de Playmobil personalizados; ou novamente Dorahada, cos seus xoguetes de madeira, pensados para os máis pequenos.

Un impulso para o comercio da comarca

A Feira de Oportunidades consolídase así como unha iniciativa clave para visibilizar o comercio e a artesanía da comarca, fomentar o consumo de proximidade e aproveitar o fluxo de visitantes que cada ano atrae a Feira do Viño de Chantada. Durante a fin de semana, os postos son un punto de encontro onde mercar, descubrir novos proxectos e apoiar o talento local, nun ambiente que mestura tradición, innovación e espírito emprendedor.

Comentarios